lunes, 10 de diciembre de 2007

Dúas derrotas esta semana.

O conxunto de Terceira Autonómica perdeu onte ante o líder no campo de Trapa. O conxunto portosinense saiu a gañar o partido e foi mellor que o seu rival ata que Dieste, colexiado do encontro, comezou o seu espectaculo.

O Portosín comezou dominando o encontro co seguinte once: Beatle na portería, Héctor e Abel nos laterais, no centro da defensa Alfonso e Popa, por diante Richard e Pedro, de media punta Mar, e na dianteira, Álvaro, Maneiro e Darío.

No minuto 5 de partido Darío tivo unha ocasión de gol á que seguiu un tiro dende lonxe do Galicia Bealo que bateu no longueiro da portería, e a partir de aí o Bealo non volveu a aparecer ata a xogada máis determinante do partido. Dúas ocasións de Maneiro amosaron que o Portosín non ía ser un equipo sinxelo de batir para un líder que non era capaz de pasar do medio campo sen recurrir ao patadón, e nun deses, un dianteiro en fora de xogo recibe o balón só, Alfonso estórballe e mételle o corpo, o dianteiro tira, falla a ocasión e deixase caer ao borde do área e o arbitro do encontro pita falta e co cartón amarelo na man dirixese ao defensa, e vendo quen era decide non amonestalo senón expulsalo, no minuto 20, deixando ao Portosín con 10.

A partir de aí o Portosín seguiu atacando e ata o minuto 40 aguantou ao seu rival pero nese minuto o Bealo adiantouse no marcador. Anteriormente o Portosín tivera que realizar dous cambios, Richard por Pitu e Héctor por Mingochas, ambos lesionados.

Aínda non tendo suficiente co protagonismo que xa tiña, o colexiado perdooulle a expulsión a un xogador do Bealo, que lle recriminou unha xogada na que lle amosou o cartón amarelo, chegando a encararse con el, e no minuto 45 da primeira metade non pitou un claro penalti sobre Dario, nin unha man ao borde da área na seguinte xogada, o que provocou as protestas do cadro local.

Na segunda metade o Portosín aguantou ata que decidiu arriscar e xogar só con 3 defensas, e aí rematou o partido, no minuto 75 o Bealo fixo o 0-2, no 82 o 0-3 e no 87 o 0-4 co que rematou o partido, e no 85 o colexiado non viu unha man moi clara dentro da área do conxunto visitante.

Ao remate do partido, o adestrador e o presidente do Portosín amosaronse indignados pola actuación arbitral, sobre todo coa xogada que no minuto 20 marcou o rumbo do partido, cando o Portosín tiña acorralado ao seu rival.

Tamén o xoves no campo de Framán o Portosín caeu derrotado na ida de trinta e dousavos de final da Copa do Sar ante o Bugallido (4-2). O Portosín comezou perdendo e Popa empatou no minuto 20 de cabeza, e na primeira parte Javi fallou dúas ocasións que puideron ter decantado o partido. Logo nun cuarto de hora, o Bugallido fixo 3 goles, e só Popa, a dous minutos do final puido maquillar un pouco o resultado que deixa a eliminatoria moi aberta para a volta, o 20 de marzo (Xoves Santo) no campo de Trapa.

No hay comentarios: